Friday 10 de May de 2024

Arranca o Curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais


Cubertas as quince prazas ofertadas. En total son 478 horas de formación, das cales 80 son prácticas en residencias e institucións

O curso de atención sociosanitaria para persoas dependentes en institucións públicas deu comezo no Mesón do Vento, na aula especialmente adaptada para este tipo de iniciativas formativas. Nel participan un total de 15 alumnas, cubríndose todas as prazas ofertadas. Cun total de 478 horas, a formación teórica complementarase con 80 horas de prácticas en residencias e institucións.

Unha vez completada a formación e superadas as probas de cualificación, todas e cada unha das alumnas poderán traballar no coidado de persoas cunha discapacidade física, psíquica ou sensorial, e mesmamente con distintos tipos de persoas dependentes. Tamén poderán acceder a postos de xerocultoras en centros de día ou privados.

O dito curso está incluído no programa de acción formativa para persoas desempregadas por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e dá dereito á obtención do certificado de profesionalidade nivel 2.